Folgoso do Courel é un concello situado no sueste da provincia de Lugo, na comarca de Quiroga, limitando ao leste coa provincia de León. O municipio está incluído, case integramente, dentro da Rede Natura 2000 (ZEC Ancares-Courel) e, ademais, forma parte do Xeoparque da UNESCO Montañas do Courel e da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. No seu territorio atopamos tamén distintos núcleos e monumentos declarados como Ben de Interese Cultural (BIC).
A súa orografía é accidentada, con montañas que superan os 1.600 metros e profundos vales a pouco máis de 400 metros de altitude. Estes grandes desniveis conforman un espazo complexo, con características climáticas e paisaxísticas moi variadas que explican a existencia dunha gran diversidade de hábitats e de lugares de especial interese para a conservación. Un gran número de ríos e regatos percorren o concello, sendo o río Lor o receptor das augas de todos eles e o principal río da serra.
As actividades
Nos 193 km² do concello atopamos máis de medio cento de núcleos de poboación, algún deles xa deshabitados, pertencentes a nove parroquias. Como noutros concellos da zona, a poboación experimentou un descenso alarmante desde mediados do século XX, pasando dos case 6.000 habitantes empadroados en 1950 aos 921 actuais.
Durante séculos, as actividades agrícolas e gandeiras foron a base económica deste territorio. Porén, a continua perda de poboación desde mediados do século pasado e o seu acusado envellecemento están modificando e poñendo en perigo a persistencia da paisaxe tradicional. Esta vese alterada por prácticas forestais baseadas en monocultivos de especies pirófitas e polo seu progresivo abandono, aumentando así o risco e o número de incendios de grandes dimensións. Na actualidade, perduran algunhas iniciativas agropecuarias familiares, así como o turismo de natureza, básico na actividade económica.



