A Serra da Groba, situada no suroeste da provincia de Pontevedra, elévase bruscamente desde a costa rochosa entre Baiona e A Guarda ata alcanzar os 654 metros no Alto da Groba. Na serra atopamos un espazo rural e de montaña que contrasta fortemente co val. Nas zonas máis altas predominan os solos pouco profundos e pedregosos, e a paisaxe organízase nun mosaico de matogueira —con breixos e toxos— que se mestura con extensas masas de piñeiro e eucalipto, reflexo do peso actual dos usos forestais.
O clima é suave, con chuvias abundantes durante boa parte do ano, pero cunha marcada seca estival, o que implica un elevado risco de incendios no verán.
Nesta área atopamos o Espazo Privado de Interese Natural Sobreirais do Faro, en Viladesuso (Oia). Ademais, as turbeiras de A Valga (no Monte de Loureza, Oia) e de Viladesuso figuran no Inventario de Humidais de Galicia.
Un dos elementos máis singulares da serra son os cabalos salvaxes, fundamentais para manter os espazos de matogueira. A súa presenza está moi ligada aos curros, unha tradición na que os animais se reúnen para seren rapados e marcados, e que constitúe un importante patrimonio cultural da zona. Os queirogais son tamén un recurso clave para a apicultura. No seu conxunto, a Serra da Groba destaca polo seu forte uso social e polo seu gran potencial para o desenvolvemento de actividades de ecoturismo.
As actividades
Os concellos de Oia e O Rosal presentan unha poboación relativamente elevada, con aproximadamente 3.000 e 6.500 habitantes, respectivamente. Unicamente perden poboación as parroquias interiores do municipio de Oia, mentres que as costeiras medran. Ao situarse na área de influencia de Vigo, a poboación ocúpase maioritariamente na industria e no sector servizos. Neste contexto, a gandería pasou a ser unha actividade complementaria.
Actualmente, menos do 3 % dos comuneiros posúe gando e trátase dunha actividade residual nesta serra. Porén, o sistema tradicional de manexo de cabalos salvaxes segue tendo un peso relevante e está en mans de arredor dun centenar de persoas. A principal fonte de ingresos dos Montes Veciñais en Man Común é a venda de madeira.



